Que é XuntaEu?
XuntaEu é a aplicación móbil que dá acceso aos principais servizos de administración dixital da Xunta de Galicia
Imaxe asociada a: Que é XuntaEu?

Novidades de XuntaEu

26/02/2026

Vén de publicarse a versión 1.8.0 de XuntaEu que, como novidade máis relevante, permitirá o envío de suxestións e queixas desde dispositivos Android e iOS.

05/02/2026

Desde hoxe xa é posible levar sempre a man, de forma sinxela e segura, esta nova tarxeta que se suman a outras 17 que xa estaban dispoñibles na app XuntaEu.

Como accedo a XuntaEu?

Unha vez que teñas a app descargada (de Google Play se o teu móbil é do sistema operativo Android ou App Store se usas IOs) necesitarás Chave365, DNIe ou un certificado dixital para poder acceder a ela.

Imaxe asociada a: Como accedo a XuntaEu?
Icono asociado a: Chave365
Chave365

Con Chave365 identifícaste só co teu NIF e unha clave persoal desde calquera dispositivo móbil.

Se non dispós de Chave365 podes facerte con ela por dúas vías: 

  • Se tes un certificado electrónico ou DNI electrónico podes conseguila de forma electrónica a través da sede con este procedemento. Neste caso a alta é inmediata. 
  • A outra forma é presencialmente, dirixíndote a calquera dos órganos ou unidades administrativas da Xunta de Galicia que realicen as funcións de rexistro de usuarios (consúltaos aquí e antes revisa esta páxina para saber que debes levar contigo).  

Se necesitas máis información podes ver aquí como funciona ou consultar as preguntas máis frecuentes (renovación ou caducidade do usuario, cambio ou caducidade da clave...).

Icono asociado a: DNIe
DNIe

O Documento Nacional de Identidade electrónico (DNIe) permíteche acceder a XuntaEu tanto con Android como con iOS.

O DNIe acredita dixitalmente a túa identidade, co que tamén podes usalo para acceder.

Antes de empezar podes consultar estas preguntas frecuentes para saber se o teu DNI xa é electrónico, como solicitalo se non o fose... Atoparás máis información en https://www.dnielectronico.es.

É fundamental que o teu DNIe estea activado e que coñezas o seu contrasinal para poder usalo. 

Tamén necesitarás un móbil que dispoña da tecnoloxía NFC.  

Acceder é sinxelo. Ao entrar na aplicación terás como segunda opción a de DNIe. Preme nela e, a continuación, en "Engadir novo DNIe" para seguir os seguintes pasos:

  • Primeiro pedirache o CAN (un número de 6 díxitos que aparece na esquina inferior dereita da parte frontal).

  • Despois pedirache o contrasinal do DNIe. É moi importante que verifiques que é o correcto antes de aceptar, xa que se se indica mal 3 veces seguidas o DNIe quedará bloqueado.

  • Por último deberás achegar o DNIe ao teu móbil. Necesitas ter activada a tecnoloxía NFC no teu dispositivo e soster o teléfono e DNIe moi cerca para conectalos e xa poderás acceder a XuntaEu.  No caso de estar usando un dispositivo iOS mentres se conecta co DNIe deberase premer nunha notificación push para poder completar o proceso. Se non se fai clic nesa notificación non se pode finalizar a autenticación con DNIe.

Icono asociado a: Certificado dixital
Certificado dixital

Podes empregar o teu certificado dixital para acceder a XuntaEu, xa sexa con móbiles Android ou iOS. 

Para poder autenticarte desta maneira, e segundo cal sexa o teu tipo de dispositivo, debes dispoñer de:

  • Se tes un Android debes instalar un certificado electrónico coa súa clave privada no teu dispositivo. Consulta a documentación do teu sistema Android.
  • Se tes un iOS debes ter almacenado un certificado electrónico coa súa clave privada no teu dispositivo. Deberás importalo a través da opción "engadir novo certificado". As extensión permitidas son .p12 e .pfx.

En caso de dúbidas, consulta co teu provedor de servizos de certificación.

XuntaEu só acepta certificados de persoa física polo que non é posible acceder con certificados de persoa xurídica.

XuntaEu acepta todos os certificados validados pola plataforma @‌firma da Administración Xeral do Estado, que son os que figuran nesta relación.

Imaxe asociada a: Todos os servizos sempre á man!
Todos os servizos sempre á man!

Coñece as funcionalidades desta app e descubre como che facilita a relación coa administración dixital da Xunta de Galicia

Icono asociado a: Notificacións
Notificacións

Desde XuntaEu podes consultar as notificacións electrónicas postas á túa disposición en Notifica.gal, aceptándoas ou rexeitándoas segundo corresponda. 

Na pantalla principal da app verás un acceso directo no que, de ser o caso, se pode mostrar o número de notificacións que tes pendentes de ler.

A sección de notificacións mostrará a listaxe destas, coa posibilidade de filtralas por diversos parámetros (procedemento, unidade, estado...).

Na pantalla inicial mostrarase, para cada notificación, a seguinte informaión: data, procedemento ao que aplica, asunto da notificación, estado e persoa á que vai dirixida. 

Icono asociado a: Expedientes
Expedientes

Consulta a información básica dos expedientes nos que figures como persoa solicitante e/ou representante. É a mesma información que figura na sede electrónica da Xunta.

Ao acceder a "Expedientes" en XuntaEu atoparás unha lista coa información máis relevante dos teus expedientes, ordenados desde o máis recente ao máis antigo verás:

  • a data de inicio do expediente
  • o seu código
  • o procedemento 
  • o estado do expediente e a súa data

Se xa premes sobre un expediente concreto mostrarase o resultado completo con detalle de:

  • información xeral do expediente
  • documentación deste
  • persoas que participan nel
  • lista das entradas que se produciron no rexistro en relación con ese expediente

Naqueles expedientes que o permitan tamén atoparás a opción de realizar accións posteriores sobre ese expediente (emendas, modificacións, alegacións...) e información adicional.

Existe, asemade, a posibilidade de achegar documentación aos expedientes desde a propia app en "Achega de documentación separada da solicitude". Para anexar os documentos XuntaEu ofrece dúas opcións: empregar a cámara do móbil ou seleccionar un arquivo dispoñible no dispositivo. 

Os expedientes que atoparás en XuntaEu serán os mesmos que están dispoñibles na sede electrónica. 

Icono asociado a: Documentación presentada
Documentación presentada

Desde XuntaEu podes consultar toda a documentación entregada no rexistro, tanto electrónico como presencial, relacionada cos teus trámites con data posterior al 1 de xaneiro de 2020.

Ao acceder a "Documentación presentada" en XuntaEu atoparás unha lista coa información máis relevante da túa documentación presentada como persoa interesada ou como representante. Ordenados desde o máis recente ao máis antigo verás:

  • a data de presentación da documentación
  • o seu número de entrada no rexistro
  • o procedemento
  • o tipo de trámite correspondente

Se premes sobre unha documentación presentada concreta mostrarase o resultado completo con detalle de:

  • información xeral da documentación presentada
  • documentación
  • persoas que participan nela
  • expediente ou entrada presentada no rexistro relacionada con esta documentación (só no caso de que exista esa relación)
Icono asociado a: Certificados
Certificados

Tamén podes consultar nesta app a lista dos teus certificados. 

Ao premer sobre un certificado activo mostrarase o documento correspondente, que pode ser almacenado no dispositivo. 

A app pode recibir certificados desde calquera sistema da Xunta de Galicia para que o cidadán ou cidadá os poida consultar. Neste momento os certificados dispoñibles en XuntaEu, que progresivamente se irán ampliando, son:

  • Certificado de habilitacións profesionais
  • Licenza de pesca marítima de recreo en superficie
  • Licenza de pesca marítima de recreo submarina
  • Licenza de pesca marítima de recreo en embarcacións
Icono asociado a: Chave365
Chave365

Desde XuntaEu podes acceder á túa información no sistema Chave365 (data de alta, data da próxima renovación, caducidade do teu usuario...).

Ademais destas consultas, podes, desde esta aplicación, cambiar a túa clave, cambiar o número de teléfono, darte de baixa no sistema, renovar o usuario antes de que caduque ou recuperar a clave de acceso se a esqueceches. 

Icono asociado a: Verificación CVE
Verificación CVE

Podes comprobar a validez dos documentos asinados electronicamente a través desta función. 

XuntaEu permíteche esta comprobación de dúas formas: 

  • de maneira manual, escribindo o código CVE que figura no documento
  • empregando a cámara do teu dispositivo móbil, escaneando o código QR que figura xunto ao CVE no documento

O sistema verificará se o código ou QR introducidos son válidos. Se non o fosen mostrarase unha mensaxe de erro. De ser correcta a verificación mostrará a información do documento asinado (co nome do documento, data da sinatura, persoa que asina...), permitindo tamén a súa descarga.

Icono asociado a: Tarxetas
Tarxetas

Leva contigo as túas tarxetas ou carnés emitidos pola Xunta de Galicia. Unha forma sinxela e segura para telas sempre a man. 

Ao acceder á sección de tarxetas atoparás unha lista con aquelas que tes dispoñibles. 

Neste momento as que podes atopar son:

  • Carné xove
  • Tarxeta acreditativa do grao de discapacidade
  • Título individual de familia numerosa
  • Título de familia numerosa
  • Certificado de familia monoparental
  • Certificado individual de familia monoparental
  • Carné da Rede de Bibliotecas de Galicia
  • Tarxeta para licenzas de pesca de recreo en superficie
  • Tarxeta para licenzas de pesca de recreo submarina
  • Tarxeta para licenzas de pesca marítima de recreo en embarcacións
  • Licenza recreativa de pesca continental
  • Licenza de caza
  • Licenza de embarcacións
  • Permiso de pesca fluvial
  • Carné profesional en instalacións térmicas de edificios
  • Carné profesional de operador/a de guindastre torre
  • Carné profesional de operador/a de guindastre móbil autopropulsada - categoría B
  • Carné profesional de operador/a de guindastre móbil autopropulsada - categoría B

Estas tarxetas/carnés dispoñen dun QR para permitir a súa validación por parte de terceiros.

Tamén se poden descargar en formato PKPASS para a súa utilización desde outras aplicacións compatibles. 

Ao premer sobre unha tarxeta mostrase o seu detalle, con información relevante desta e un código QR. 

A integración de tarxetas/carnés será progresiva, co que irán engadíndose novidades proximamente!

Icono asociado a: Apoderamentos
Apoderamentos

Se outorgaches ou recibiches apoderamentos a través do Rexistro Electrónico Xeral de Apoderamentos de Galicia tamén están á túa disposición en XuntaEu.

Podes consultar os apoderamentos que recibiches e tamén aqueles outros que puideches outorgar a outras persoas. Sobre eles podes realizar accións como aceptar ou rexeitar ese apoderamento ou cambiar a súa vixencia. 

Na aplicación mostraranse divididos entre os que se atopan vixentes e os xa caducados. 

Ao premer en calquera dos apoderamentos que poidas ter visibles mostrarase a información do apoderamento ou a de tramitación deste.  

Desde o botón de conceder poderás dar de alta novos apoderamentos, nas súas diferentes tipoloxías:

  • Alta en todas as actuacións ante todas as administracións
  • Alta en todas as actuacións ante a Xunta de Galicia
  • Alta en determinadas actuacións ante a Xunta de Galicia

 

Icono asociado a: Contacta coa Xunta
Contacta coa Xunta

Información sobre os teléfonos de referencia da atención cidadá e acceso ao sistema de videointerpretación en lingua de signos. 

No botón "Contacta coa Xunta" atoparás información sobre como contactar coa Xunta de Galicia. Nel figuran os teléfonos de atención á cidadanía e de emerxencias

Atoparás tamén o acceso ao sistema de videointerpretación en lingua de signos

Icono asociado a: Axuda
Axuda

Desde a pantalla de axuda da app podes acceder á canle de WhatsApp de XuntaEu para resolver dúbidas de carácter técnico.

A través da canle de WhatsApp de XuntaEu pode resolver dúbidas técnicas sobre o servizo ofrecido desde a aplicación.

Outros servizos

XuntaEu tamén che axudará a manter os teus datos actualizados e seguros. E avisarate de novidades, citas ou cambios se fose necesario!

Imaxe asociada a: Outros servizos
Imaxe asociada a: Citas
Citas

Atoparás en XuntaEu aquelas citas que solicitases para as oficinas de atención á cidadanía e de rexistro ou coas consellerías.

Ao acceder á app atoparás as próximas citas que poidas ter confirmadas, ordenadas por data.

Para cada cita móstrase a información máis relevante. Se premes nela xa se visualizará o detalle completo. 

Desde XuntaEu tamén tes a posibilidade de modificar unha cita xa programada, eliminala ou solicitar unha nova.

Imaxe asociada a: Avisos
Avisos

Recibe avisos personalizados no teu móbil. Chegaranche como unha notificación para que te decates de que hai algo novo para ti. 

Unha vez que accedas á app XuntaEu verás que tes avisos pendentes de lectura. 

Podes consultalos cando o necesites, mantelos ou eliminalos. 

Como se dunha caixa de correo se tratase os avisos da listaxe identifícanse como lidos ou non lidos, en función de se están ou non resaltados. 

Na actualidade podes recibir avisos sobre:

  • caducidade do teu usuario de Chave365
  • caducidade da clave de acceso a Chave365
  • se recibes un novo apoderamento
  • se tes algunha nova notificación en Notifica.gal 
  • aqueles outros que che pode enviar XuntaEu directamente ou que che envíe a Xunta de Galicia en relación a campañas informativas de interese
Imaxe asociada a: Datos persoais
Datos persoais

XuntaEu permíteche consultar e modificar os datos persoais que consten na túa carpeta cidadá (teléfonos, correo electrónico, enderezo...).

Ao acceder á aplicación verás os teus datos persoais.

Se premes na icona de editar (representada graficamente cun lapis) tes a opción de consultar e modificar os datos de identificación, enderezo e contacto. 

Neste último (contacto) tamén atoparás a opción para modificar os teus datos no sistema Notifica.gal e en Chave365.

Imaxe asociada a: Pago de taxas
Pago de taxas

Podes realizar o pago de taxas desde esta app.

A través desta sección poderás cubrir o modelo de autoliquidación e realizar o pago da taxa. Tamén poderás consultar operacións xa realizadas, anular operacións en fase inicial ou descargar modelos.

Preguntas frecuentes

Que é XuntaEu?

XuntaEu é unha aplicación móbil que facilita, a través de dispositivos móbiles, o acceso aos principais servizos de administración dixital da Xunta de Galicia.

Como podo acceder?

Podes entrar na app identificándote con Chave365 , con DNIe ou cun certificado dixital.

Como se protexen os meus datos?

Podes consultar con detalle as condicións de uso  de XuntaEu e a política de privacidade nas súas seccións específicas.

Que información de carácter persoal rexistra a aplicación sobre min?

En XuntaEu podes modificar os teus datos persoais (enderezo, teléfono, correo electrónico...).

A información que mostra a aplicación sobre ti é aquela da que xa dispón previamente a Xunta de Galicia.

Requírese que no primeiro acceso a XuntaEu consintas o acceso a eses datos. 

Esta aplicación xeolocalízame?

Non, a aplicación non usa o GPS nin ningunha utilidade de xeolocalización.

Descarga XuntaEu!

Acceso a novidades

Dispoñible para Android e IOs

Instala no teu dispositivo móbil a versión que necesites para comezar a usar XuntaEu e beneficiarte dos seus servizos.

Acceso a novidades

Sinxela e segura

Fácil de usar e con todas as garantías de seguridade. A información que XuntaEu ten do teu perfil é aquela da que xa dispón previamente a Xunta de Galicia e non te xeolocaliza.

Acceso a novidades

En constante evolución

Os servizos de XuntaEu serán máis no futuro. Irán incorporándose novos certificados, tarxetas, opcións de personalización... Unha app en constante evolución e mellora!

Icono asociado a: Descarga XuntaEu!
Descarga a APP